A fala pontesa

López Ferro publica uns 700 ditos das Pontes na loita por conservar o patrimonio oral

O traballo, que recolleu nos últimos anos, inclúese nos ‘Cadernos de Fraseoloxía’, que edita a Xunta e que chegan a América, Europa e África

López Ferro. C.A. (AEP)

José María López Ferro, o responsable da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes, acaba de publicar uns 700 ditos e refráns das Pontes na súa loita por divulgar e conservar o patrimonio local, neste caso o inmaterial.

“Ao longo do tempo, mentres recollía o material do museo etnográfico, fun recollendo tamén ditos, expresións e refráns típicos de aquí, unha forma de falar que se vai perdendo e que só xa emprega xente de 70 ou 80 anos para arriba, polo menos”, di López Ferro, sempre disposto a conservar unha nova frase, xa sexa ao modo tradicional, nun papel que sempre leva a man para non esquecela, ou agora co móbil.

O traballo, froito de moitos anos de recompilación, acaba de ser publicado agora nos Cadernos de Fraseoloxía Galega, que edita a Xunta de Galicia a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidade.

“Xurdiu un pouco de casualidade, falando un día con Narciso Luaces, o director do museo etnográfico de Meixido, en Ortigueira, que me comentou que lle ían publicar as expresións que recollera e púxome en contacto co director do centro, Xesús Fernández Ruibal. Paseilles ao redor dunhas 700 frases e publicáronse finalmente 693”, relata López Ferro,e destaca: “Todas da zona das Pontes, orixinarias de aquí”.

A fala pontesa sobrevivirá así ao paso do tempo en papel, pero tamén viaxará “e levará o nome das Pontes por o mundo adiante”, apunta o autor desta peculiar recompilación, mestre xa xubilado.

Neste peculiar dicionario da fala, tódalas entradas inclúen unha explicación e un exemplo de uso para entendelas en contexto

Os Cadernos de Fraseoloxía Galega envíanse a todas as universidades de España e de Portugal, pero tamén se dan a coñecer en países de América, Europa e África. Pasados seis meses da súa publicación en papel, ademais, son de acceso libre na rede. Esta publicación esta apoiada por 184 fraseólogos de 24 países diferentes que xa colaboraron en algunha das súas edicións.

“Tiven que traballar moito no que tiña para publicalo nos cadernos”, apunta López Ferro, que indica que cada unha das 693 entradas vai acompañada dunha explicación e un exemplo de uso concreto, “para que se entendese en contexto”, explica o autor deste traballo.

EXEMPLOS. “Agora falamos un galego case descafeinado. É unha mágoa. É unha lingua moi rica en expresións e vanse perdendo co paso do tempo, e cada vez máis”, di López Ferro, que non por publicar 700 frases, ditos e refráns pretende descansar.

“Seguirei recollendo máis”, di, e adianta a última que apuntou unha vez entregadas as outras para publicar: “Nin arre que escape, nin xo que pare de todo”, o que podería ser hoxe “un pois alí anda, uns días ben e outros, non tanto”, explica.

Entre os 700 exemplos é difícil para el escoller, pero destaca algúns, quizais por apego familiar, como “paciencia ratos que ardeu o muíño”, que dicía a súa nai cando un problema non tiña solución ou a situación era irremediable. Ou “morra a Marta e morra farta”, que usaba o seu pai para expresar que é preferible morrer cheo que de fame. Seguro que a moitos sonaranlle outras

Fonte: Cristina Arias El Progreso