A EcoEscola das Campeiras, centro neurálxico da educación ambiental en As Pontes

 

A antiga escola unitaria das Campeiras, reconvertida en aula de formación vinculada á reciclaxe, eríxese, tres anos despois da súa creación, como centro neurálxico da educación ambiental no Concello das Pontes, constituíndo ademais un punto de referencia para outros municipios, tanto dentro como fóra da Comunidade Autónoma.

A aula, posta en marcha a través da Concellería de Participación Cidadá e Desenvolvemento Local, nace co obxectivo de mostrar ós veciños e veciñas de As Pontes o impacto que os residuos domésticos e urbanos teñen tanto no medio ambiente como na economía e xerar, ao mesmo tempo, actitudes positivas cara á reciclaxe e fomentar boas prácticas ligadas á xestión dos refugallos.

A través da  EcoEscola, o Concello de As Pontes ofrece unha formación integral ós seus visitantes, abordando distintas facetas da reciclaxe, do consumo responsable, a xestión sustentable ou o coidado do medio ambiente a través dun amplo conxunto de actividades dirixidas a todos os públicos. Nese sentido, Montserrat García subliña que: “O coidado do medio ambiente é unha cuestión que nos afecta a todos e require da implicación de cada un de nós. Só co compromiso de todos os veciños e veciñas, coa súa participación activa, conseguiremos un  concello máis sustentable, máis respectuoso coa contorna, máis saudable e, en definitiva, o pobo que todos queremos”.

Desde o ano 2015, baseándose na regra das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe)  e apoiándose nos principios do consumo responsable, orientados a evitar a xeración de residuos innecesarios, a mellorar a súa separación en orixe así como ó correcto depósito dos mesmos para garantir a súa posterior transformación, a EcoEscola das Campeiras organizou un amplo abano de actividades entre as que se atopan obradoiros de consumo responsable, elaboración de adornos de Nadal, receitas de cociña de aproveitamento, confección de disfraces de Entroido, visitas ás plantas de Sogama en Cerceda e Narón, a instalación de postos de sensibilización ambiental nas principais feiras gastronómicas de As Pontes, unha campaña de fomento do uso de punto limpo municipal así como un programa de compostaxe e vermicompostaxe, entre outras.

Unha das últimas iniciativas postas en marcha son os talleres de reciclaxe e arte, organizados en colaboración coa Asociación de Artistas Ponteses, nos que se ensina ós asistentes a crear as súas propias obras de arte, figurativas e abstractas, empregando materiais de desfeito.

O primeiro destes obradoiros, dedicado á reciclaxe de materiais inorgánicos e que se desenvolveu durante a segunda fin de semana de novembro, terá continuidade o vindeiro sábado, 24 de novembro, nun taller dedicado á reutilización de materiais naturais e nunha xornada, o día 10 de decembro, na que os asistentes aprenderán a reciclar, de forma moi sinxela e divertida, libros, xornais, cartóns ou latas para crear os seus propios adornos de Nadal.

 

Compost da Casa

Entre todas as iniciativas postas en marcha a través da EcoEscola destaca o programa de compostaxe Compost da Casa. Un proxecto pioneiro en Galicia, desenvolto coa colaboración de Sogama, no que se combina a compostaxe doméstica e a vermicompostaxe.

Trátase dun programa no que participan medio centenar de fogares ponteses, no que tamén están implicados a Escola Infantil A  Barosa e o Centro de Educación Especial  ASPANAES, e que ten como obxectivo prioritario concienciar á veciñanza sobre as vantaxes da xestión sustentable dos residuos domésticos e urbanos, promovendo un cambio de hábitos no que se dá prioridade a novos usos que impulsan o coidado da contorna natural e o crecemento sustentable.

O programa  rematará o próximo día 29 de novembro coa entrega dos resultados das análises realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela do abono obtido por cada un dos participantes no proxecto. Desde o Concello, Montserrat García invita a todo o tecido asociativo da vila a sumarse a este encontro no que “debido á boa marcha do programa, a implicación dos participantes que nos solicitaron máis composteiras e ó interese que mostraron moitos ponteses por esta iniciativa, repartiremos, entre asistentes que o desexen composteiras e guías informativas sobre o seu uso para así poder chegar o seu gran, ó coidado ambiental do noso municipio”.

 

Unha aposta continua pola reciclaxe

O día 29 de novembro, no mesmo acto no que se darán a coñecer os resultados do programa Compost da Casa, o Concello co obxectivo de amosar, novamente, a súa aposta polo coidado ambiental do municipio fará un recoñecemento a labor levada a cabo polos integrantes do colectivo ecoloxista xuvenil, Brigadas Verde.

García remarca que “O Concello de As Pontes síntese moi orgulloso da xuventude da vila e do seu compromiso co pobo. Esta iniciativa é un exemplo a seguir e desde o goberno municipal queremos agradecerlles o seu traballo e apoialos para, cada día, máis rapaces e rapazas de nosa vila se sumen a este proxecto e participen activamente coa meta común de avanzar cara un pobo máis respectuoso coa súa contorna e o medio ambiente”. Por outra banda, co obxectivo de que poidan continuar desenvolvendo o seu labor de retirada de lixo nos espazos públicos do municipio con todas as garantías e cos medios axeitados, nos vindeiros días o Concello lles fará entrega de material de limpeza (pinzas, detector de metais, luvas, máscaras…), adhesivos para identificar as bolsas de lixo recollidas así como roupa de traballo.

Nesta mesma liña, de aposta polo coidado medioambiental e a reciclaxe, co obxectivo de reforzar o traballo levado a cabo a través da  EcoEscola e achegar e facilitar a recollida selectiva de residuos en todo o municipio, promovendo a súa reutilización, o Concello ten previsto instalar 10 mini puntos limpos, tanto na contorna urbana como no ámbito rural. Trátase de espazos pechados con bocas de vertedura na súa superficie que se comunican interiormente con contedores de almacenamento, separados por residuos nos que se poderán depositar CDs, DVDs e cintas de vídeo e audio, pilas, lámpadas de baixo consumo usadas ou material fotográfico.