A Deputación incorpora os recursos dos concellos ao seu programa de Turismo Escolar

O Museo etnográfico da Capela, a ecoescola das Pontes, Santo André de Teixido en Cedeira, o castelo de Moeche, o Museo do Mar de Laxe, o Museo do Humor de Fene, a ruta Pondaliana, a Fraga do Eume en Pontedeume, o Muíño de mareas de Muros, a Casa Museo de Manuel Antonio ou a horta de froitas autóctonas en San Sadurniño son algúns dos recursos que se incorporan á oferta de Turismo Escolar da Deputación da Coruña.

A Área de Turismo da Deputación da Coruña convidou aos concellos a incorporar os seus recursos históricos, patrimoniais e naturais ao catálogo de de Turismo Escolar que se ofrece aos distintos centros de ensino da provincia. Desta maneira, arredor de sesenta propostas sumáronse á oferta de rutas da Deputación para completar a oferta á que poden optar grupos escolares co fin de coñecer mellor o territorio da Coruña.

Rutas como os segredos naturais e a arquitectura das Fragas do Eume, visita á Serra da Capelada, a de Monte Louro, a das minas de San Finx ou a Fraga dos Casás son algunhas das posibilidades para iniciarse no turismo desde a escola, nun programa que, por oferta dos concellos, incluirá visitas a centros culturais e de formación. Entre os museos que nenas e nenos poderán visitar por medio desta nova proposta están o Etnográfico da Capela, o do Humor de Fene, o Museo do Mar de Laxe, a Casa Museo de Manuel Antonio, o Terra de Melide ou o da Construción Naval de Ferrol. A ecoescola aula de reciclaxe As Campeiras, a plantación de arandos de Cerdido, “O enredo do abelleiro-Museo vivinte do Mel” en Arzúa ou a área recreativa O Castro son algunhas das posibilidades de se atopar coa natureza e o traballo agrario ademais de coñecer o territorio que ofrece “Turismo escolar”.

“Trátase de ofrecer unha plataforma a través da que os concellos podan ofertar os seus recursos turísticos ao alumnado dos centros escolares que participan no programa. A iniciativa ten o obxectivo de que rapaces e rapazas coñezan o territorio e os principais destinos de interese para a súa idade cunha oferta de achegamento á nosa historia e a nosa natureza cunha visita ao vivo”, explica o deputado responsable da área de Turismo, Xosé Regueira.

A oferta incorporada polos concellos súmase aos programas xa existentes propostos pola área de Turismo da Deputación e vinculados de maneira especial aos seus bens patrimoniais. En “Testemuñas de pedra” o Pazo das Torres do Allo e o Castelo de Vimianzo son o centro do percorrido histórico, “Ritual e tradición”, nace coa idea de coñecer a tradición da olería no Ecomuseo Forno do Forte en Buño e a historia no Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños. De escolleren a ruta “Romanos no Mandeo” visitarán o Centro de Interpretación de Teixeiro (Curtis) coa súa dupla función, divulgativa, a través do centro de interpretación, e formativa, xa que o centro acolle cursos, obradoiros e serve como albergue. Por último, “O segredo do Eume”, ofrece rutas que atravesan o corazón das Fragas do Eume, e que permitirá aos pequenos descubrir a historia do Mosteiro de Caaveiro e “O bosque animado”, que percorre o Pazo de Mariñán e a Casa de Wenceslao Fernández Flórez autor da obra do mesmo nome localizada ao redor da súa casa, as portas do encoro de Cecebre.

Dicoruna.es