A Deputación da Coruña coordina un programa de prácticas en empresas europeas para os graduados en FP

A Deputación da Coruña coordina un programa de prácticas en empresas europeas para os graduados en FP

A Fundación Axencia Enerxética Provincial (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, coordina un programa de inserción laboral para graduados en ciclos medios de formación profesional. O proxecto, que forma parte do programa europeo Erasmus+, permitirá que un total de 50 mozos e mozas da provincia da Coruña realicen prácticas en empresas europeas durante un período de dous meses.

As prácticas están destinadas a graduados a partires de decembro de 2016 en ciclos de grao medio de electricidade, enerxías renovables, electromecánica de vehículos automóbiles, instalacións de telecomunicacións, micro-sistemas informáticos e redes, instalacións eléctricas e automáticas, climatización, instalacións de produción de calor, construción ou medioambiente. Poderán realizarse en Portugal, Italia ou Alemaña, onde se ofertan 22, 20 e 8 prazas respectivamente.

A través deste proxecto, a Deputación da Coruña pretende promover e completar a formación académica dos recentemente graduados, e facilitar a súa futura incorporación ao mercado de traballo. Asemade, as estadías no estranxeiro permitirán mellorar as competencias en linguas estranxeiras.

Para participar neste proxecto, os centros educativos interesados poden poñerse en contacto coa FAEPAC no teléfono 981 102 111 ou ben a través do correo electrónico planificación@faepac.org.