8 de marzo

As Pontes conmemorará durante todo o mes de marzo o Día Internacional da Muller

 

 O Concello de As Pontes, a través dos departamentos de Benestar Social, Cultura e Deporte e Xuventude, conmemorará, durante todo o mes de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora, cunha ampla proposta de actividades que teñen como obxectivo concienciar aos ponteses e pontesas, especialmente á mocidade, sobre o papel da muller na sociedade actual.

As actividades arrincarán o xoves, 7 de marzo, ás 10:00 horas, cun seminario de defensa persoal feminina no que as participantes aprenderán técnicas para a protección en situacións de riscos e adquirirán os coñecementos necesarios para poder afrontar unha situación de perigo, tales como cuestións sobre defensa, caídas, esquivas, distancias ou gardas.

Ese mesmo día, ás 11:00 horas, no salón de plenos , farase lectura dunha declaración institucional na que estarán presentes os membros da corporación municipal e empregados do Concello de As Pontes.

Na Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco inauguraranse as exposicións bibliográficas “Escritoras galegas contemporáneas” e “Contos para a igualdade” dúas mostras que os veciños poderán visitar ata o 29 de marzo e na que poderán atopar unha escolma de obras literarias de autoras contemporáneas galegas como María Reimóndez, Teresa Moure, Rosa Aneiros, Medos Romero, María Lado, Antía Nara, Inma López Silva, Emma Couceiro, Helena Villar e María Xosé Queizán entre outras moitas.

Haberá tamén unha selección de contos infantís entre os que se atopan Rosa caramelo de Adela Turín, Até as princesas soltan peidos de Ilan Brenman, En familia de Héctor Malot, ¿Las princesas usan botas de montaña? de Carmela LaVigna Coyle, Pioneiras de Anair Rodríguez ou Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes de Elena Favilli nos que se fai fincapé en aspectos relacionado coa educación para a igualdade entre mulleres e homes.

Pola tarde, ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal Rivera Rouco, os máis novos poderán gozar do contacontos “Coidome quérome, vivo en igualdade” nos que a través dos contos Orellas de bolboreta de Luisa Aguilar, Guapa de Canizales e Yo voy conmigo de Raquel Díaz Reguera, profundarán na importancia do respecto a un mesmo e aos demais, elemento esencial para lograr un sociedade xusta e igualitaria.

Xa o día 8 de marzo, a radio local emitirá o programa “Voces pola Igualdade” polo que durante tres horas, desde as 10:00 ata as 13:00 horas, pasarán máis dunha decena de mulleres traballadoras para falar das súas experiencias persoais e profesionais. Ademais, durante o programa haberá un tempo dedicado á lectura de distintos textos e poemas elaborados polos integrantes do club de lectura e o grupo poético Alalá.

A fin de semana está prevista a proxección da película Capitana  Marvel, a primeira película de Marvel Studios protagonizada por unha muller, centrada na historia de Carol Danvers, personaxe creado en 1968 e que apareceu por primeira vez en ‘Marvel Super- Heroes13’ como Captain Mar-Vell, unha alieníxena enviada para estudar a Terra baixo a identidade dunha axente de seguridade americana. As proxeccións serán o sábado ás 17:00, 19:30 e 22:00 horas e o domingo 10 de marzo ás  17:00 e 19:30 horas.

A semana seguinte, o día 14 de marzo, ás 20:00 horas, na aula polivalente da Casa Dopeso, a asociación QuerEndo ofrecerá unha charla sobre a endometriose, unha enfermidade invisible que afecta ao 15% das mulleres en idade reprodutiva e que pode causar importantes problemas para a saúde física e psicolóxica de quen a padece.

O domingo, 17 de marzo terá lugar a IV edición da carreira popular Corre por Elas, organizada polo Club de Atletismo Olympo coa colaboración do Concello de As Pontes. Os fondos recadados a través da inscrición na devandita proba irán destinados á Asociación Galega contra os Malos tratos aos Menores (AGAMME)

O día 21 de marzo, na Casa Dopeso, ás 20:00 horas, proxectarase o documental “Concha Castroviejo”, II Premio Xohana Torres na categoría de Audiovisual e, Aurora Marco ofrecerá unha charla sobre o papel das mulleres no ámbito da investigación baixo o título “Mulleres escritoras, mulleres lectoras, mulleres poderosas”.

A última semana de marzo, o día 26, terá lugar a Reunión da Mesa de Coordinación Local contra a Violencia de Xénero, na que os representantes dos distintos ámbitos implicados na acción contra a violencia contra as mulleres, reflexionarán sobre as pautas para mellorar a detección precoz de casos de violencia machista, mellorar a coordinación dos recursos, axilizar a atención individualizada ás mulleres e impulsar accións de sensibilización e prevención dirixidas tanto a profesionais como á cidadanía.

Ao día seguinte, o alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de educación primaria dos centros escolares de As Pontes desprazarase ata o Auditorio Municipal Cine Alovi para asistir á representación da obra teatral “Roedores”; un espectáculo para todos os públicos, no que a través das aventuras dos seus dous protagonistas, as nenas e os nenos achegaranse a conceptos como a igualdade de xénero, de oportunidade, social, de dereitos e entenderán o valor da amizade, o traballo en equipo, a aceptación dun mesmo e dos demais.

O 29 de marzo será a quenda para o alumnado de segundo e terceiro ciclo de primaria coa actividade “Adiviña quen son” unha dinámica educativa que lles permitirá identificar estereotipos de xénero, entender como se constrúen socialmente as identidades de xénero e reconstruír roles tradicionais e reflexionar sobre novos roles de xénero máis equitativos.