Programación de nadal do Concello de As Pontes

Música, xogos, deporte, cine e a Cabalgata de Reis protagonizar a programación cultural municipal ideada por Cultura para celebrar o Nadal
Coma cada ano, o departamento municipal de Cultura está xa a piques de sacar á rúa o programa de actividades culturais de Nadal. Un agardado listado de concertos, iniciativas culturais, proxeccións cinematográficas e iniciativas para pequenos e non tan pequenos dirixido a que ponteses e pontesas de todas as idades desfruten destes días de ocio e descanso. Esta mesma fin de semana se abrirá este atractivo programa coa exposición de postais de Nadal que ata o domingo poderemos visitar no soto da Casa Dopeso, e que se presentaron a unha nova edición do certame organizado pola Coordinadora de Anpas Abrente. Pero nos vindeiros días tamén teremos outro tipo de citas. Unha delas será a xornada de decoración da sala infantil da Biblioteca Municipal e que xa ten data o vindeiro día 19, dende as 16.00 horas. O teatro tamén terá o seu espazo e é que para o vindeiro día 29, a compañía Sarabela presentará a obra infantil O último dragón, no auditorio municipal Alovi, e por suposto, continuará o cine cunha extensa e intensa programación de longametraxes. Así o venres e sábado da semana que ven poderemos desfrutar de O ouro do tempo, Ida e o filme de animación Operación Cacahuete. Os días 22 e 23 poderemos escoller entre El Niño e Como entrenar a tu dragón 2 e o ano pecharase os días 27 e 30 de decembro coas proxeccións de El corredor del laberinto e Las aventuras de Peabody y Sherman. Para os xiareiros da música, tamén éste será o seu Nadal con actuacións dos alumnos do Conservatorio, da Rondalla, a Banda Xuvenil, a Asociación Cultural Alende ou a Agrupación Coral Endesa As Pontes. Así o martes da vindeira semana teremos ás 19.30 horas na Casa Dopeso o Concerto de Nadal dos alumnos do Conservatorio; o mércores o tradicional recital da Escola de Acordeóns dente as 19.00 horas no Alovi e o venres 19 o Nadal Pirata coa Banda do Conservatorio e os alumnos de linguaxe musical, no Alovi, dende as 19.00. A rondalla tamén se sumará a estas festas cun recital para o sábado 20 ás 19.00 na Casa Dopeso e para o día seguinte, as Cantareiras de Alende, a Coral Endesa e a Coral Armonía de Ferrol ofrecerán un concerto de panxoliñas na igrexa parroquial, as 12.30. Pero non todo será música de Nadal xa que o día 26 tocará cambiar de estilo co concerto do dúo de jazz Black, que se celebrará no Alovi dende as 20.30 horas e para o día 27 teremos o recital de nadal da Escola de Música, a Banda Xuvenil e a Banda Cultural das Pontes dende as 12.00 no Alovi.
No apartado deportivo, as vindeiras semanas virán marcadas pola exhibición de ximnasia rítmica que terá lugar o xoves da vindeira semana, unha nova edición do Campus de Basket, que arrincará o día 27 e a IV San Silvestre pontesa que se celebrará o 31 de decembro.
Por suposto non nos podiamos esquencer de Mundoxogo que dende o día 20 e ata o 6 de xaneiro se poderá visitar nas dependencias do Mercado Vello.
Pero tamén en xaneiro teremos actividades das que desfrutar porque o día 2 regresa o cine para pequenos e adultos e ata se desenvolverá un obradoiro de percusión co grupo Los Kilomberos de Montealto. Un día despois, o 3 de xaneiro e na Casa Dopeso, estrearase do documental Videocartas Galiza Berlín, elaborado polas pontesas Ana Seijo, Sabela Pernas, Sandra Martínez e Adriana Villanueva e que xa se estreaba o pasado mes de novembro no ciclo Cineuropa de Compostela e, nesa mesma xornada, no polideportivo municipal tamén se celebrará unha xornada de hinchables e xogos gratuítos para pequenos de todas as idades. Non abandoamos o polideportivo da Fraga xa que o 4 de xaneiro, éste servirá como escenario do tradicional encontro amigable entre a Selección Galega de Fútbol Sala e unha selección de xogadores da liga local, que será de entrada libre e que arrincará ás 17.00 horas.
Melchor, Gaspar e Baltasar non faltarán á súa tradicional cita cos nenos e nenas de As Pontes na Calbagata que o 5 de xaneiro, ás 17.00 horas, partirá da rúa Monte Caxado para percorrer o centro urbano ata a Casa do Concello, onde recibirán as chaves de todos os fogares ponteses, repartirán doces e tamén conversarán cos pequenos e pequenas.
Como clausura desta programación nada mellor que apostar polo baile e feito en As Pontes. Neste caso, os días 9 e 10 de xaneiro, no auditorio municipal Alovi reeditarase o espectáculo de fin de curso das escolas de baile moderno, clásico e flamenco que xa puidemos desfrutar o pasado mes de xuño. As dúas sesións arrincarán ás 20.30 horas. A entrada será gratuíta e as coreografías terán como inspiración diferentes videoclips de éxito internacional.
En resumo, unha extensa axenda de actividades que permitirá que veciños e veciñas de todas as xeracións desfruten destas festas tal e como se merecen.