Escolas municipais de cultura

Cultura abre o prazo de prematrícula das súas escolas de música e baile 2013-2014

O departamento municipal de Cultura ven de abrir o prazo para que os alumnos que así o desexen poidan renovar a súa matrícula nas escolas culturais que se ofrecen dende o departamento que dirixe Sara Ramos. Para este 2013-2014 reeditaranse as especialidades de anos anteriores coma baile moderno, clásico e tradicional e as escolas de gaita, percusión, pandeireta e acordeón e, unha vez máis, aqueles que completaron o curso pasado e desexen repetir clase terán reserva de praza garantida.
Así, os alumnos do curso pasado terán ata o mércores da vindeira semana para pasarse polas oficinas de Cultura, no primeiro andar da Casa Dopeso, e alí renovar a súa inscrición para o novo ano, en horario de 8.30 a 14.00 horas de luns a venres ou xa de 17.00 a 19.00 os martes e mércores. Alí os interesados deberán cubrir a súa solicitude de renovación de praza e aboar os 40 euros por disciplina na entidade bancaria marcada pola organización e, posteriormente, presentar o comprobante de pago, iso sí denantes de que remate este prazo de prematrícula.
Xa pasado o día 18 procederase ao reconto das prazas vacantes que se abrirán aos alumnos de nova matriculación e que se darán a coñecer o xoves 19, no taboleiro do departamento de Cultura, deste xeito, o día 20 de setembro abrirase o segundo prazo de matrícula para estes novos alumnos que tan só poderán optar ás prazas vacantes e que, de non ser suficientes para cubrir o número de solicitudes se sortearán entre os interesados. Os alumnos de nova matriculación deberán tamén facer efectivo o pagamento da taxa correspondente, cubrir o impreso de solicitude e entregar unha fotografía tamén de luns a venres entre as 8.30 e as 14.00 horas ou o martes e mércores entre as 17.00 e as 19.00 horas.
Para obter máis información é posible contactar co departamento de Cultura no 981 44 03 44.