21 de marzo Día mundial da poesía

O Grupo Poético Alalá recibe o venres á Primavera cun recital poético no Auditorio Municipal Alovi

A poesía tomará o venres o escenario do auditorio municipal Alovi e é que, unha vez máis, coa chegada da primavera, o Grupo Poético Alalá agasallará a veciños, visitantes e xiareiros das rimas e dos versos cunha nova edición do seu Recital de Primavera.

Anibal Anxel, Gloria David, Ofelia López, Mari Carmen Freire, e Santi del Moral darán lectura a poemas tanto propios coma doutros escritores e literatos e, tamén, como ven sendo habitual contarán coa compaña inestimable de varios alumnos e alumnas do Conservatorio de Música de As Pontes.
Por suposto, non podía faltar algunha visita dalgún escritor. Nesta ocasión, neste recital de primavera contarase coa compaña de Yago Rodríguez Yañéz, escritor lucense e actual mestre no colexio pontés Monte Caxado que, hai tan só uns días, tamén daba a coñecer a súa faceta coma investigador no seu traballo A peito descuberto sobre a obra poética de Fiz Vergara Vilariño. Yago Rodríguez acompañará aos membros de Alalá dando lectura a poemas de publicacións propias coma Déixame Ancorar ao que se sumarán, de seguro, tamén novos textos elaborados por este polifacético literato.
Tanto de Yago Rodríguez coma, por suposto, do Grupo Alalá será posible desfrutar o venres, dende as 21.00 horas nun recital que será gratuíto e que conta coa organización, unha vez máis, da biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco.