En defensa do ensino público

PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

A Plataforma anuncia un calendario de accións que vai desenvolver nos próximos días e que contempla desde a entrega de cabazas ao concelleiro de Educación até concentracións nos centros de ensino
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) anunciou esta mañá, en rolda de prensa, un amplo calendario de accións e mobilizacións coas que se dá continuidade a todas as que xa ten desenvolvido desde a aprobación desta Lei. A Plataforma transmitiu ademais a súa “firme vontade de continuar na loita até conseguir derrogar a LOMCE e as reválidas”.
Neste sentido, o portavoz da plataforma, Anxo Louzao, presentou o manifesto da plataforma no que se sintetizan as razóns polas que a PGDEP se opón non só á LOMCE senón tamén á imposición das reválidas.
Louzao denunciou que a consellaría de Educación é unha administración “submisa” aos mandatos do Ministerio de Educación, toda vez que xa hai administracións educativas que anunciaron que non implantarán as reválidas.
Por iso considerou un “desatino”, tanto da Administración educativa galega como do Ministerio, pór en marcha unhas probas que van afectar ao alumnado de 4º da ESO e ao de 2º de Bacharelato, porque non saben aínda en que van consistir e porque, ademais, no caso de bacharelato, serán necesarias para acceder á universidade.
Diante disto, asegurou que “a PGDEP reafírmase en que se teñen que paralizar estas probas, sobre todo cando xa houbo un rexeitamento absoluto, con máis dun 80% de familias que non levaron os seus fillos e fillas a realizar estas probas tanto en terceiro como en sexto de Primaria”.
Louzao alertou de que en 2018 as reválidas si terán valor académico e que será necesario superalas para obter os títulos. “Isto supón un prexuízo para o alumnado e atenta contra a igualdade de oportunidades porque os máis afectados serán os alumnos e alumnas das clases populares, que terán máis dificultades para acceder a niveis superiores no sistema educativo”, afirmou.
O portavoz da PGDEP denunciou ademais que, ao tratarse de probas que se elaboran atendendo a criterios uniformes, non terán en conta todas aquelas materias ou contidos referidos á nosa realidade diferenciada como pobo e que, por tanto, imporán unha maior “centralización e españolización do sistema educativo”. Isto xunto coa “desvalorización do labor docente” que implica facer depender dun único exame e dunha avaliación externa a cualificación do alumnado.
Accións que se van desenvolver

Anxo Louzao anunciou que, diante disto, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público continuará coa recollida de sinaturas contra a LOMCE e as reválidas e con charlas informativas nos centros. Xunto a isto, presentará mocións nos concellos e solicitará entrevistas cos grupos parlamentarios, ademais de accións concretas nas redes sociais.
Ademais, o vindeiro xoves, día 13 de outubro, realizará un acto simbólico, coa entrega no rexistro de cabazas para a consellaría de Educación e o seu titular, polo seu “inmenso suspenso pola súa obstinación en aplicar as reválidas”.
Tamén están previstas, para o día 20 de outubro, concentracións de alumnado e profesorado nos centros de ensino, durante a hora do recreo, para amosar o seu rexeitamento á LOMCE coincidindo coa celebración dun referendo convocado por ERGUER –que forma parte da PGDEP- ao que está chamado a participar o alumnado de diversos centros do país.
Ademais pedirase aos centros que penduren en lugares visíbeis pancartas co lema “Nin reválidas nin LOMCE”.